Versión en castellano
Inicio Novas A Xunta inviste 36.000 € en facer o proxecto do centro de día
A Xunta inviste 36.000 € en facer o proxecto do centro de día
Martes, 31 Xaneiro 2012 13:53

centrodiafrades

A Consellería de Traballo e Benestar ten consignados 36.000 euros nos seus orzamentos para a redacción do proxecto de construción dun centro de día en Frades, que terá 800 metros cadrados de superficie e dará servizo a 40 familias. Así llo confirmou a conselleira Beatriz Mato ao alcalde de Frades, Miguel Prado, nunha reunión mantida o luns 30 de xaneiro na sede da Consellería de Traballo e Benestar na Coruña.

 

Miguel Prado destaca que a construción do centro de día “vai lento pero seguro. Doume por satisfeito ao saber que hai consignación orzamentaria para a redacción do proxecto e por comprobar que Beatriz Mato mantén o seu compromiso con Frades nuns tempos difíciles, económicamente falando. Estes 36.000 euros para a redacción do proxecto demostran o interese da Xunta por facer este centro de día”. Prado Patiño tamén indica que “calculamos que o proxecto estará listo para despois do verán e a conselleira virá a presentalo a Frades no terceiro trimestre deste ano”.

 

O centro de día de Frades ubicarase en Pontecarreira, a carón do centro médico. Ocupará unha superficie de 800 metros cadrados e dará servizo a corenta familias. A súa construción suporá un investimento superior aos 700.000 euros e prestará atención diúrna a todas aquelas persoas que, por razóns de idade, estean en risco de padecer algún tipo de dependencia co obxectivo de que poidan preservar a súa autonomía durante o maior tempo posible.

 

O Concello de Frades cedeu á Xunta en 2008 os terreos para a construción desta infraestrutura. Uns terreos con amplas zonas para pasear e con zona de aparcamento que foron comprados para albergar o centro de día e que supuxeron un investimento de máis de 30.000 euros. Prado Patiño destaca a importancia que este centro de día vai ter para os veciños e veciñas do Frades xa que “temos unha poboación bastante envellecida, con moitos veciños que superan os noventa anos, e con esta infraestrutura buscamos que poidan ficar o maior tempo posible nas súas casas, estando perfectamente atendidos”.

 

Plan de cooperación e obradoiro de emprego

 

centrodiafrades2O alcalde de Frades aproveitou o encontro coa conselleira de Traballo e Benestar para interesarse polo estado do Plan de Cooperación cos concellos. “A conselleira explicoume que a orde sairá o vindeiro mes de febreiro e coa mesma consignación orzamentaria de anos anteriores, polo que solicitaremos catorce traballadores que farán un importante traballo a prol dos veciños e veciñas de Frades”, explica Miguel Prado.


Así mesmo, o alcalde de Frades transmitiulle en persoa a Beatriz Mato o seu agradecemento polo obradoiro de emprego Frades-Mesía, unha iniciativa na que a Consellería de Traballo e Benestar investiu máis de 540.000 euros e que permitiu a formación de 13 persoas desempregadas en traballos forestais e doutras 12 en axuda a domicilio. “Ademais da importancia que estes obradoiros teñen á hora de permitir que os veciños das zonas rurais teñan as mesmas oportunidades que os das cidades á hora de acceder ao mercado laboral, o seu traballo permite un importante aforro en gasto corrente dos concellos e pon en valor o patrimonio natural e recreativo do municipio para disfrute dos seus veciños”, sinala o alcalde fradense, quen tomou nota da recomendación de Beatriz Mato de que presente a súa solicitude conxuntamente con outros concellos.