Versión en castellano
Inicio Novas Os Reis Magos chegarán mañá venres a Frades e farán a cabalgata polas rúas de Ponte Carreira montados nun tren turístico
Os Reis Magos chegarán mañá venres a Frades e farán a cabalgata polas rúas de Ponte Carreira montados nun tren turístico
Xoves, 03 Xaneiro 2019 00:00

ReisFrades2018duasOs Reis Magos chegarán mañá venres 4 de xaneiro a Frades, onde ás 16:00 horas participarán nunha cabalgata polas rúas de Ponte Carreira e despois participarán nunha gran festa de Reis no polideportivo municipal ata as 20:00 horas. Como novidade, as súas Maxestades deixarán a un lado os camións das pasadas edicións e chegarán este ano a Frades a bordo dun tren turístico, co que percorrerán as rúas de Ponte Carreira ata o pavillón polideportivo municipal.


Despois dun par de anos caracterizados pola choiva, que non impediu a saída da cabalgata pero si que fixo que tivese que ir a un ritmo máis rápido, este ano as previsións son de tempo frío pero soleado. Isto fará que moitas familias non vaian directamente ao pavillón, senón que acompañen o desfile polas rúas de Ponte Carreira ata o polideportivo. Un desfile que comezará ás 16:00 horas e no que as Súas Maxestades estarán acompañados pola música do grupo folclórico Sarillo de Aiazo e por varias mascotas.

 

Ás 17:00 horas, o polideportivo municipal acollerá unha gran Festa de Reis con inchables, animacións, xogos populares, bailes, lambetadas, mascotas, obradoiros e, como novidade este ano, un canón de neve. Así mesmo, repartirase chocolate e roscón de Reis entre todas as persoas participantes.  .

 

Este é o sexto ano consecutivo que se organiza a cabalgata no Concello de Frades. Unha iniciativa que se programou inicialmente un día antes do habitual debido a que as familias do municipio tiñan xa o costume de levar as crianzas aos desfiles de Santiago ou de Ordes, pero que resultou un gran éxito de participación, o que fixo que se mantivera xa como tradición que os Reis Magos cheguen un día antes do habitual a Frades.