Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades abre o prazo de inscrición na VI Carreira Pedestre Popular, que repartirá 1.850 € e terá lugar o 1 de maio
O Concello de Frades abre o prazo de inscrición na VI Carreira Pedestre Popular, que repartirá 1.850 € e terá lugar o 1 de maio
Martes, 02 Abril 2019 17:48

carreirafrades2019O Concello de Frades convoca a sexta edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar na mañá do mércores 1 de maio e repartirá 1.850 euros en premios. A proba, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha extensión de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Unha proba incluída no VII Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.


As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís –é dicir, de 17 ou menos anos) mentres que os demais atletas (júniors, promesas, séniors e veteranos) deberán achegar 5 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata as 23:59 horas do luns 29 de abril. Non se admitirán inscricións fóra dese prazo.

 

Premios

 

O Concello de Frades destina un total de 1.800 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos, tanto na categoría masculina como feminina (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta.

 

Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais ao club-entidade-colexio que achegue máis corredores e trofeo para os/as tres primeiros/as clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, o Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.

 

Só se admitirá a participación de clubs federados nos premios en metálico, que terán que presentar a listaxe dos atletas co selo oficial da Federación Galega de Atletismo ou, no seu defecto, da Delegación correspondente. Na confección do Club non poderán entrar atletas pertencentes a outros clubs nin filiais deste. Ademais, os equipos poderán ser masculinos ou femininos, non mixtos.

 

A proba feminina estivo dominada por Paula Mayobre, que gañou cinco de seis edicións (quedou segunda tras Ester Navarrete en 2016). Pola contra, na proba masculina non se repetiu gañador en ningunha das edicións: Víctor Rioboo, Hassan Lekkili, Lolo Penas, David Santos e Nuno Costa inscribiron os seus nomes como gañadores nestes seis anos, pero ningún deles foi quen de repetir triúnfo.

 

Probas

 

A VI Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 10:30 horas do 1 de maio na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 12:00 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas á disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.

 

As probas escolares darán comezo ás 10:30 horas coas categorías Pitufo-Biberón-Sub 6 (nados/as en 2014 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 10:40 horas será a quenda dos prebenxamíns-sub 8 (nados entre 2012 e 2013), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns-sub 10 (2010-2011) e alevíns-sub 12 (2008-2009) sairán ás 10:50 e ás 11:00 horas, respectivamente, para percorrer unha distancia de 800 metros. Ás 11:15 horas tomarán a saída os infantís e as cadetes feminino (2004-2005-2006-2007), cun percorrido de dous quilómetros. Finalmente, os cadetes masculino e xuvenís (2002-2003-2004-2005) percorrerán 3 quilómetros ás 11:30 horas.

 

O Concello de Frades entregará medallas a todas persoas que participen nas categorías escolares (de biberón a cadete), así como unha camiseta conmemorativa a todas as persoas participantes. Tamén haberá un avituallamento con froita e bebida  ao remate da proba.

 

A VI Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Galega 100%, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Nutri Sport, Infantilandia, Camba Distribuciones SL, Eurofrut, Bebidas Jesús Bendaña Ramos SL, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Froitería A Nova, Pepsico, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.