Versión en castellano
Inicio Novas Lolo Penas e Paula Mayobre gañan a VI Carreira Pedestre Popular de Frades, que rexistrou o seu récord de participación
Lolo Penas e Paula Mayobre gañan a VI Carreira Pedestre Popular de Frades, que rexistrou o seu récord de participación
Mércores, 01 Maio 2019 00:00

GanadoresFrades2019Os atletas Lolo Penas Blanco (Club Atletismo O Pino) e Paula Mayobre González (Club Atletismo Clínica Dental Seoane Pampín) foron os gañadores da sexta edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, que tivo lugar esta mañá na contorna de Ponte Carreira e que rexistrou o seu récord de participación: 486 atletas, un 20% máis có ano pasado. O tempo acompañou durante toda a mañá, o que fixo da praza de Ponte Carreira un fervedoiro de xente, con máis dun milleiro de persoas entre corredores, persoas afeccionadas ao atletismo e veciñanza.

Lolo Penas Blanco foi o gañador da proba e converteuse no primeiro atleta masculino que consegue repetir triunfo en Frades, despois da súa vitoria en 2016 na terceira edición da carreira. O atleta arzuán fixo un tempo de 26 minutos e 33 segundos, vinte segundos máis có gañador da edición anterior, o portugués Nuno Costa (Atletismo Tambre Bike & Running), que este ano tivo que conformarse coa segunda posición cun tempo de 26 minutos e 38 segundos.

 

Os dous atletas foron os grandes dominadores da proba dende o primeiro momento. Nuno Costa foi en cabeza durante os primeiros oito quilómetros da carreira pero sucumbiu ante o potente sprint final de Lolo Penas nos derradeiros 800 metros. Jorgue Puig Malvar, do Club Atletismo Santiago, completou o podio cun tempo de 28 minutos e 49 segundos. Tamén recibiron premio Juan José Álvarez Cures (Club Atletismo O Pino) e Rubén Caamaño Nieto (Club Atletismo Sar Vermú Petroni).

 

Mayobre: 5 vitorias de 6 edicións

 

Se hoxe se rompeu a “maldición” de que ningún atleta repite vitoria en Frades, na proba feminina pasou todo o contrario e Paula Mayobre volveu alzarse coa vitoria cun tempo de 31 minutos e 9 segundos. A atleta de Ares suma 5 vitorias en 6 anos en Frades, pois tan só non gañou na edición de 2016, cando quedou segunda.

 

Mayobre González entrou no posto 19 da xeral cunha cómoda vantaxe sobre a segunda clasificada, Esther Rodríguez Díez (Añares Rioja), que rexistrou 32 minutos e 28 segundos. Completou o podio feminino Tina Fernández Barreiros (Club Atletismo Sar Vermú Petroni) e tamén foron premiadas Uxía García Díaz (Marineda Atlético) e Cristina Loeda Souto (independente).

 

Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas as categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. O Club Atletismo Sar-Vermú Petroni conseguiu o triunfo por equipos nas categorías masculina e feminina, repetindo éxitos por terceiro ano consecutivo. Completaron o podio feminino as corredoras do Noitebra FC 1; mentres que no masculino houbo este ano sorpresas, co Atletismo Tambre Bike & Running de Oroso como segundo e co Club Atletismo O Pino como terceiro. Finalmente, e por terceiro ano consecutivo, as Escolas Deportivas Municipais de Frades levaron o premio ao club máis numeroso.

 

Uns premios que foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Jesús Miguel Prado; Maiores, Jesús Francos;  Medio Ambiente, Juan Carlos Portos; e Medio Rural, Manuel Ferreiro. Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como a colaboración dos membros de Protección Civil de Ordes, Ambulancias Nordés e voluntariado de Frades, que permitiron que a proba se desenvolvera sen incidencias.

 

Así mesmo, agradeceu a colaboración prestada polos patrocinadores da proba: Deputación da Coruña, Galega 100%, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Nutri Sport, Infantilandia, Camba Distribuciones SL, Eurofrut, Bebidas Jesús Bendaña Ramos SL, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Froitería A Nova, Pepsico, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.

 

Roberto Rey e Jesús Miguel Prado fixeron entrega de medallas e lambonadas a todas e todos os participantes nas probas escolares. Ademais, todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas, leite 100% galega e froita, cortesía dos patrocinadores da proba, así como chocolate quente. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes que o precisaron puideron gozar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde.