Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades adquire dous desfibriladores para as actividades deportivas e organiza cursos de primeiros auxilios
O Concello de Frades adquire dous desfibriladores para as actividades deportivas e organiza cursos de primeiros auxilios
Martes, 18 Xuño 2019 13:23

DesfibriladorAbellaO Concello de Frades vén de mercar dous desfibriladores para as actividades deportivas que se desenvolven no municipio. Un deles estará emprazado nas instalacións do campo de fútbol do Vedral (Abellá) e o outro estará durante o verán na piscina municipal de Frades e despois nas instalacións da SD Ponte Carreira. Así mesmo, o Concello de Frades porá en marcha cursos de primeiros auxilios para as persoas vinculadas ao mundo do deporte no municipio: equipos de fútbol, socorristas, técnicos/as, monitores/as de deporte...


De feito, o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, fixo entrega esta fin de semana dun dos desfibriladores ao equipo de fútbol da SD Abellá, cuxa sección feminina vén de conseguir esta fin de semana o ascenso á Primeira División da Liga Nacional de Fútbol  e cuxo equipo masculino tamén logrou o ascenso á Primeira Rexional. Integrantes dos dous equipos e persoal da piscina municipal de Frades participaron ese mesmo día nun curso de primeiros auxilios e uso do desfribilador. O Concello de Frades organizará un segundo curso en setembro para os integrantes da SD Ponte Carreira.

 

Os desfibriladores entregados son Zoll AED Plus, un tipo de desfibrilador externo semiautomático con tecnoloxía Real CPR Help que permite realizar unha reanimación cardiopulmonar de alta calidade e que inclúe un sensor nas almofadas que proporciona información ao dispositivo sobre cada compresión torácica. Isto permite que a persoa que practica a reanimación poida saber se o está facendo ben.