Versión en castellano
Inicio Novas A Xunta concede unha subvención de 336.446 euros para a posta en marcha do Obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo II
A Xunta concede unha subvención de 336.446 euros para a posta en marcha do Obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo II
Xoves, 03 Outubro 2019 00:00

obradoiroslogoOs Concellos de Frades, Mesía e Ordes porán en marcha nas próximas semanas o Obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo II, despois de que a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedera unha achega de 336.446 euros para a súa realización. Un obradoiro que formará a 20 alumnos e alumnas nas especialidades: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas.


Será un obradoiro dual que combinará un contrato de formación e aprendizaxe de 9 meses e un contrato en prácticas de, como mínimo, 3 meses máis nunha empresa da contorna relacionada con algunha das especialidades impartidas no obradoiro.

 

Para poder participar é preciso ter 18 anos, estar en posesión do Graduado en ESO (ou equivalente) e estar en situación de desemprego e inscrito/a no Servizo Público de Emprego. Todas as persoas interesadas en participar deberán acudir o máis axiña posible á Oficina de Emprego de Ordes e comunicar o seu interese en participar neste obradoiro de emprego. Na selección terán preferencia as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

 

Máis información na propia Oficina de Emprego de Ordes ou no Concello de Frades.

 

Entre as actuacións previstas figuran actuacións de conservación e mellora no punto limpo Frades-Mesía, na leira O Carballal e piscina municipal (Papucín), no campo de fútbol de Vitre, A Ponte (Carballa), na leira A Presa e praza de Ponte Carreira (Gafoi); no local social de Añá, na área do muíño de Céltigos, na área recreativa de Os Pasos de Aiazo, na leira Gasalla e no campo de fútbol de Ponte Carreira.