Versión en castellano
Inicio Novas Máis de 600 veciños ateigaron a carballeira de San Nicolau durante a celebración da “XII Festa dos Nosos Maiores” de Frades
Máis de 600 veciños ateigaron a carballeira de San Nicolau durante a celebración da “XII Festa dos Nosos Maiores” de Frades
Luns, 01 Xuño 2009 00:00

O Concello de Frades homenaxeou ás cinco persoas maiores de 90 anos que acudiron ao encontro.

 

Festa dos MaioresMáis de 600 veciños e veciñas, maiores de 60 anos, asistiron esta fin de semana á duodécima edición da “Festa dos Nosos Maiores”, organizada polo Concello de Frades. A gran carpa instalada na carballeira de San Nicolau acolleu primeiro unha misa solemne e despois un xantar de confraternidade, que se pechou cunha animada sesión de baile a cargo do dúo musical “Eva e Camilo”.

O xantar, organizado polo Restaurante A Magdalena, estivo composto por empanada, polbo á feira e carne ao caldeiro, acompañado por viño, augas, refrescos e café. Un menú culminado cunha rosca larpeira e xeado, mentras os rapaces do grupo folklórico “Sementeira” poñían a nota musical.

Este xantar estivo presidido polo alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, e contou coa presenza do delegado da Xunta para a provincia da Coruña, Diego Calvo; e do director xeral de Mocidade e Voluntariado, Ovidio Rodeiro. Miguel Prado agradeceu “o cariño que nos amosades, sabedes que estamos á vosa disposición as 24 horas do día e que intentaremos mellorar a vosa calidade de vida”.

Pola súa banda, Diego Calvo agradeceu a súa invitación a esta festa e asegurou que “voume con moitos deberes, xa que Miguel pasouse toda a tarde pedindo cousas para Frades” e mesmo bromeu dicindo “se todas as invitacións van ser así, pensareimo antes de vir a outra”. Finalmente, Ovidio Rodeiro excusou a presencia da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen telefonou ao alcalde fradense para desculpar a súa ausencia. Así mesmo, Rodeiro lembrou que “para a Xunta é unha prioridade a atención ás persoas maiores. Hai moitas cousas por facer e queda un longo camiño por percorrer”.

 

Homenaxe aos maiores de 90 anos

HomenaxeadosAntes do gran baile que puxo o punto final á festa, o Concello de Frades rendeu unha sentida homenaxe aos cinco veciños e veciñas maiores de 90 anos que asistiron a esta festa. Os homenaxeados foron Ángel García García, de Galegos (91); Ramiro Löpez Cotón, de Aiazo (92); Josefa Fandiño Fernández, de Aiazo (95); José Ríos Rodríguez, de Frades (93); e Antonio Castro Guerra, de Pontecarreira (90). Todos eles recibiron unha placa conmemorativa desta XII Festa dos Nosos Maiores de Frades da man do alcalde fradense, quen destacou que no municipio están rexistrados 47 persoas maiores de 90 anos, moitos dos cales non puideron asistir a esta festa polo seu delicado estado de saúde debido á súa lonxevidade.