Versión en castellano
Inicio Novas O pleno de Frades insta por unanimidade á Consellería de Sanidade a que non peche o centro médico de Abellá durante o verán
O pleno de Frades insta por unanimidade á Consellería de Sanidade a que non peche o centro médico de Abellá durante o verán
Martes, 16 Xuño 2009 00:00

O alcalde fradense informa ao pleno que a empresa redactora do PXOM xa realizou o traballo de campo e a cartografía.

O pleno municipal do Concello de Frades instará á Consellería de Sanidade a que non peche o centro médico de Abellá durante o verán. Así o acordou esta mañán o pleno municipal de Frades, que aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo popular.

A médica que presta servizo no centro médico de Abellá anunciou aos pacientes que o centro permanecerá pechado ao público do 16 ao 30 de xuño e do 15 de xullo ao 1 de setembro. “Esta situación é intolerable dado a gran demanda de consultas que se veñen dando a diario neste servizo, entre elas numerosas persoas maiores que non teñen medios para desprazárense ao outro centro médico, situado a 15 quilómetros en Ponte Carreira”, explica a concelleira de Familia, Muller e Xuventude, Ángeles Álvarez.

De feito, Álvarez Carro lembra que “este peche xa é un feito reiterado, dado que o ano pasado sufrimos a mesma situación, o que foi motivo de protestas e recollida de sinaturas presentadas ante o Concello de Frades e da Consellería de Sanidade”. Así mesmo, recorda que daquela a resposta da Consellería de Sanidade fóra que xa estaba avanzado o verán e non dispoñían de médicos para cubrir a praza de Abellá.

 

PXOM

Pola súa banda, o alcalde de Frades, Miguel Prado, anunciou esta mañán ao pleno que nos vindeiros días terá lugar unha reunión entre o Concello de Frades e representantes da empresa que está a redactar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). “Xa teñen feito todo o traballo de campo, a cartografía e elaboraron o documento de inicio para a súa avaliación ambiental estratéxica”, explicou Prado Patiño.

O alcalde fradense instou á oposición a nomear un representante que esté presente nestas conversas e esbozou todo o traballo que queda ata a aprobación definitiva do Plan Xeral pola Xunta de Galicia. Un traballo que comezará pola publicación do traballo realizado en Internet e a remisión á Xunta do documento de avalación ambiental.

Miguel Prado considera que a elaboración do PXOM “é moi importante para Frades xa que dende a lei de 2002 vén unha parella que quere edificar o seu fogar no municipio e tes que dicirlle que non, e aínda por riba estamos perdendo poboación”. Por iso, o alcalde fradense agarda que este documento “permita correxir esta tendencia, xa que somos un municipio atractivo e ben situado xeográficamente, preto de Santiago e ben comunicado coa Coruña”.

 

Bilingüismo cordial

O pleno municipal aprobou tamén, coa abstención de PSOE e BNG, unha moción do grupo popular en defensa dun bilingüismo cordial. Miguel Prado sinala que “non podemos permitir que a nosa principal referencia identitaria, a nosa lingua, se converta nun instrumento para a división social”.

Unha moción pola que o Concello de Frades insta á Xunta a articular un modelo que garanta a igual competencia das dúas linguas oficiais, a insistir nas políticas de promoción en positivo da lingua galega e a consultar aos sectores implicados en materia educativa (pais e nais incluidos) a definición dun modelo lingüístico que garanta a convivencia do galego e do castelán.

Finalmente, o pleno municipal aprobou a Conta Xeral de 2008 e tomou coñecemento do incumprimento, por parte do bipartito, das obras presentadas polo Concello de Frades con cargo ao PEIM 2008. Trátase do reforzo do firme da estrada de Taberna (Abellá) ao cruce do Prado (Papucín) e dos accesos ao Consello (Papucín), que o Concello presentou á Xunta o 6 de novembro de 2007 e cuxo convenio se asinou en xuño de 2008.

Miguel Prado explica que “deixando a un lado que as demais obras comezaron sen que se tivese a correción de avisar ao Concello, dos nove proxectos presentados quedaron dous sen facer e iso non llo comunicou a Xunta ao Concello, senón o propio contratista”. De feito, o alcalde fradense xa lle plantexou esta situación ao conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, con quen se reuníu recentemente. Daquela, o concelleiro xa se comprometera a estudiar a inclusión destas obras no PEIM 2009.