Versión en castellano
Inicio Novas Centos de veciños de Frades encheron a carballeira de San Nicolau durante a Festa do San Miguel
Centos de veciños de Frades encheron a carballeira de San Nicolau durante a Festa do San Miguel
Martes, 06 Outubro 2009 10:18

A festa contou coa presenza do delegado da Xunta para a provincia da Coruña, Diego Calvo, e os alcaldes de Frades, Trazo e Tordoia

Centos de veciños e veciñas de Frades ateigaron dende o mediodía do martes 29 de setembro o entorno da carballeira de San Nicolau para participaren un ano máis na tradicional Festa de San Miguel. O bo tempo, unido a que hoxe é festivo local en Frades, animou a centos de familias a achegárense ata esta carballeira para participaren nun xantar campestre nas distintas carpas e mesas instaladas no entorno da capela.

Na maior destas carpas, que reuníu a máis de 250 comensais, contou coa presenza do alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, e de varios integrantes do grupo de Goberno local. Así mesmo, tamén asistiron ao xantar, organizada por Novas Xeracións e servido polo restaurante Magdalena, o delegado da Xunta para a provincia da Coruña, Diego Calvo; e os alcaldes de Trazo e Tordoia, Xosé Dafonte e Antonio Pereiro.

A festa comezou cunha misa solemne na capela de San Nicolau, que hoxe estaba rodeada por distintos postos de feira e atraccións para os máis pequenos (inchables, futbolíns e xogos recreativos). Pasadas as 14:00 horas, unha vez rematada a misa tivo lugar unha sesión vermouth a cargo da orquestra Juan Mallo, que deu paso ao xantar campestre.

Pola tarde, a música correu a cargo do grupo de gaitas “Os Viqueiras” (Ordes) e xa entrada a noite houbo unha verbena popular a cargo das orquestras Tango e Juan Mallo.