Versión en castellano
Inicio Novas O Concello de Frades ofrece asesoramento ás asociacións que queiran pedir subvencións da Deputación
O Concello de Frades ofrece asesoramento ás asociacións que queiran pedir subvencións da Deputación
Xoves, 14 Xaneiro 2010 19:19

O Concello de Frades porá técnicos a disposición das asociacións e entidades sen ánimo de lucro do municipio para asesoralos á hora de solicitar subvencións aos programas de apoio á cultura, deporte e promoción económica, convocadas pola Deputación da Coruña para o ano 2010. Unhas axudas cuxas bases se poden consultar no BOP do pasado 31 de decembro e cuxo prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 1 de febreiro.

 

“Dende o Concello estamos dispostos a prestarlles axuda e asesoramento na cumprimentación das subvencións a todas as entidades sen ánimo de lucro de Frades, polo que poremos á súa disposición técnicos para facer esta tarefa”, explica Miguel Prado, alcalde de Frades. Así, o Concello de Frades habilitará os venres 15, 22 e 29 de xaneiro para que técnicos municipais poidan prestar toda a axuda e asesoramento a aquelas entidades deportivas, asociacións culturais ou de veciños que desexen presentarse a esta convocatoria de axudas.

 

Así mesmo, o Concello de Frades vén de enviar unha carta a todas as asociacións do municipio informándolles da convocatoria destas axudas da Deputación da Coruña e da posibilidade de solicitar o asesoramento dos técnicos municipais para presentar as solicitudes.