Versión en castellano
Inicio Novas Miguel Prado e Antonio Iglesias inauguran o renovado centro de ocio de Papucín
Miguel Prado e Antonio Iglesias inauguran o renovado centro de ocio de Papucín
Luns, 15 Marzo 2010 20:11

centrosocialpapucinMáis de setenta veciños e veciñas da parroquia de Papucín (Frades) asistiron onte domingo á inauguración do renovado centro social de Papucín. Un acto presidido polo alcalde de Frades, Miguel Prado; o concelleiro de Vías, Obras e Servizos, Antonio Iglesias; e o presidente da asociación de veciños de Papucín, Marcos Botana. Un local que o Concello de Frades vén de remodelar para convertilo nun auténtico centro de ocio aberto a todos os veciños da parroquia de Papucín. 

 

Así, o Concello de Frades pintou toda a instalación e dotouna de calefacción e dunha nova instalación eléctrica. Ademais, instalou no seu interior catro máquinas para facer ximnasia que están dende xa a disposición de todos os veciños: dúas bicicletas estáticas, unha cinta andadora e unha bicicleta elíptica (para facer exercicio de brazos e pernas ao tempo). Prado Patiño animou aos veciños reunirse neste centro social xa que “esperamos que este centro sexa un auténtico punto de encontro para todos os veciños e veciñas de Papucín”.

 

Un local que disporá en breve de acceso á Internet e que xa conta cunha nova televisión e con novos xogos de mesa: cartas, dominó, parchís, damas e conecta 4. Despois de descubrir unha placa conmemorativa desta inauguración, todos os veciños e veciñas disfrutaron duns pinchos mentras uns seguían por televisión a carreira de Fernando Alonso, outros probaban os novos aparellos de ximnasia e mesmo houbo quen montou a primeira partida de cartas. 

 

En total, o Concello de Frades leva investidos máis de 100.000 euros na reforma e acondicionamento dos distintos locais sociais do municipio. Uns cartos que permitiron recuperar os locais sociais das parroquias de Abellá, Céltigos, Galegos, Mesos, Moar, Papucín e Vitre.

centrosocialpapucin2