Versión en castellano
Inicio Novas Miguel Prado reúnese co delegado territorial da Xunta para axilizar o abastecemento a Moar e Añá
Miguel Prado reúnese co delegado territorial da Xunta para axilizar o abastecemento a Moar e Añá
Luns, 22 Marzo 2010 16:21

delegadoxuntaO alcalde de Frades, Miguel Prado, reuníuse co delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, no Edificio Administrativo de Monelos (A Coruña). Un encontro no que Prado Patiño presentou a necesidade de acometer canto antes o abastecemento de auga potable ás parroquias de Añá e Moar. Miguel Prado explicoulle ao delegado territorial da Xunta na Coruña que estas obras suporían “poder ter completado o abastecemento de auga en Frades no ano 2011”, toda vez que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xa sacou a contratación as obras de abastecemento á parroquia de Galegos (por un importe de 198.000 euros) e o Concello de Frades vai investir 236.000 euros do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local (FESL) para garantir o abastecemento de auga en Vitre e Céltigos. 

 

 Prado Patiño agradeceu o apoio recibido por Diego Calvo, “quen nos solicitou que completaramos o proxecto e a memoria da obra e que lle daría traslado da mesma ao conselleiro Agustín Hernández”. Ademais, o alcalde de Frades aproveitou para presentarlle ao delegado territorial da Xunta na Coruña o proxecto de saneamento de Pontecarreira, que inclúe a tan agardada depuradora. 

 

Centro de día e pistas municipais 

 

Na reunión desta mañá, Miguel Prado tamén solicitou a Diego Calvo que “se axilice ao máximo as xestións para a construción dun centro de día en Frades, que a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, se comprometera a realizar en dúas anualidades”. Nese encontro, celebrado o pasado mes de outubro, Beatriz Mato anunciara que o proxecto do centro redactaríase en 2010 e que as obras se realizarían en 2011. 

 

O Concello de Frades xa ten cedidos os terreos para o centro de día dende o ano 2008. “Uns terreos que compramos con esta única finalidade por máis de 30.000 euros pero nos que a Administración anterior non fixo nada con eles”, puntualiza Prado Patiño. Un centro de día que se ubicaría en Pontecarreira, ao lado do Centro Médico, con amplas zonas para pasear e con zona de aparcamento. 

 

Por último, Miguel Prado trasladoulle ao delegado territorial da Xunta na Coruña as necesidades do muncipio de Frades na conservación da súa rede viaria. “Despois dos proceos de concentración parcelaria realizados en Frades, contamos cunha rede viaira moi ampla que foi moi afectada polos últimos temporais de choiva e vento”, explicou Prado Patiño, quen pedíu a colaboración da Xunta para o adecentamento destes camiños.