Versión en castellano
Inicio Novas Frades nomea fillo predilecto a José María Botana López
Frades nomea fillo predilecto a José María Botana López
Sábado, 05 Marzo 2011 14:15

inauguracionMáis de cincocentos veciños e veciñas de Frades arrouparon a José María Botana López (Cimadevila. Frades. 1933) no seu nomeamento como Fillo Predilecto do Concello de Frades e no acto que lle deu o seu nome ao edificio multiusos do municipio. Un acto que contaron coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e do alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño.

 

O presidente da Xunta foi recibido polo alcalde e a corporación municipal de Frades na casa do Concello, onde asinou no Libro de Ouro do Concello. Un acto no que estivo acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo; polo maxistrado do Tribunal Supremo e ex-presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Jesús Souto; e polos alcaldes de Boimorto, Curtis, Mesía, O Pino, Tordoia, Touro e Trazo; así como polo tenente de alcalde de Oroso.

 

Acto seguido, a comitiva oficial desprazouse ata o centro multiusos para o nomeamento de José María Botana López como Fillo Predilecto de Frades e o descubrimento da placa conmemorativa que lle dá o seu nome ao edificio multiusos, inmoble que tamén alberga unha mostra de apeiros de labranza.

 

Contratos homologados

 

apeiroslabranzaO alcalde de Frades destacou a figura de José María Botana López “o mellor embaixador de Frades e un orgullo para este concello”. Miguel Prado asegurou que ao darlle o nome de José María Botana ao edificio multiusos “agardamos que o teu nome serva de inspiración a todos cantos veciños utilicen estas instalacións, para que as futuras xeracións teñan na túa persoa un modelo a seguir”. Ademais, trátase dun “pequeno xesto co que queremos agradecer todo o que a familia Botana fixo por Frades”, apuntou Prado Patiño, pois esta familia foi quen cedeu o inmoble que actualmente ocupa a casa consistorial de Frades.

 

Miguel Prado tamén tivo palabras de agradecemento para Alberto Núñez Feijoo polos investimentos que a Xunta de Galicia está a facer en Frades. Ademais, solicitoulle o seu máximo apoio na posta en marcha dos contratos homologados para o leite. “Temos máis de 220 explotacións e 14.000 vacas, polo que che pediría que che puxeras duro cos contratos homologados e que nos deixen de tomar o pelo”, apuntou o alcalde de Frades, quen destacou a necesidade de “conseguir uns prezos dignos para os gandeiros para que os xóvenes e as mulleres queden no campo”.

 

Núñez Feijoo explicou que “espero e desexo que todos esteamos atentos e Galicia, que produce o 48% do leite de España, non perda esta riqueza”. Así mesmo garantizou o apoio da Xunta ao Concello de Frades: “contaredes na medida das posibilidades reais co apoio da Xunta para construír o futuro dun pobo traballador”. Así, nomeou infraestruturas que se están a executar como as beirarrúas de Abellá, o saneamento de Pontecarreira ou o abastecemento de augas en Galegos. En concreto, amosou o seu compromiso co centro de día de Frades, “que estamos en condicións de adoptar nos próximos meses”.

 

Feijoo tamén tivo palabras para o homenaxeado, de quen dixo que “é un referente para Frades, para a comarca de Ordes e para todos os galegos e galegas”. Neste sentido, dixo que Botana López “é un modelo no que mirarnos”.

 

Por último, José María Botana agradeceu a homenaxe recibida e por que o edificio multiusos leve o seu nome xa que é “un edificio símbolo da transformación do pobo do Frades, que cando nacín non tiña ningunha comodidade e se transformou nunha sociedade do século XXI”. Botana López asegurou que durante a súa vida “apliqueime o dito de aplicar a xustiza con equidade” e asegurou que “sempre presumín de ser de Frades, de onde son os mellores grelos do mundo”. De feito, contou unha anécdota cando un grupo de amigos creou unha cofradía do grelo e, cunha folla de grelo, deseñou unha insignia “que hoxe luce a miña muller na súa solapa”.

 

fillopredilectoJosé María Botana recibiu de mans do alcalde o pergamiño co nomeamento de Fillo Predilecto e unha insignia do Concello de Frades. Así mesmo, Núñez Feijoo impúxolle unha medalla conmemorativa. Rematado o acto, a comitiva visitou a mostra de apeiros de labranza ubicada no multiusos e degustou unhas filloas e unhas tortillas de masa que elaboraron integrantes da asociación de veciños de Aiazo (Frades).

 

José María Botana

 

Na súa sesión de decembro de 2010, a corporación municipal decidiu por unanimidade darlle o nome de José María Botana López ao centro multiusos de Frades, que a partir deste luns pasa a chamarse “centro multiusos José María Botana”. José María Botana López naceu no 1933 en Frades. A familia Botana é oriunda da parroquia de Vitre, onde aínda existe a casa familiar.

 

É fillo de José María Botana Sánchez, que foi secretario do xulgado de Frades (cargo que compatibilizou co de  funcionario do Concello) e de Josefa López Díaz-Varela, que foi mestra en varias parroquias de Frades. A esta familia o Concello de Frades débelle ter o inmoble que alberga a casa consistorial, xa que o pai do homenaxeado mercou ese edificio para albergar a escola e as dependencias municipais.

 

Residiu ata os 11 anos en Cimadevila e ata o falecemento dos seus pais seguíu veraneando neste municipio. Actualmente reside en A Coruña ainda que segue vinculado a Frades, onde pasa coa súa familia varias temporadas ao longo do ano. Está casado con María Dolores Torrón Durán, coa cal ten tres fillos: José María, enxeñeiro de Telecomunicacións, María Dolores, arquitecta e exerce actualmente de profesora de debuxo na Coruña; e Francisco Manuel, notario en Cambados.

 

José María Botana López é magistrado xubilado do Tribunal Supremo con destino na Sala Cuarta e tomou posesión do seu cargo o 9 de marzo de 1998, en virtude do real Decreto 293/98 de 26 de febreiro, sendo nomeado maxistrado emérito por acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Judicial de 12 de maio de 2004. Está licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela no 1955 e Doctor en Dereito cun laude pola Universidade da Coruña no mesmo ano.

 

Ingresou na Carreria xudicial na Novena Promoción da Escola judicial, sendo nomeado xuíz de primeira instancia e Instrucción de entrada con destino en Belchite. Foi promovido a Maxistrado de Traballo, con destino na Maxistratura Nº 2 de Vigo, no 1973, de onde foi trasladado no 1979 á Maxistratura de Traballo Nº 3 da Coruña ata que foi nomeado Magistrado da Sala do social do Tribunal Superior de xustiza de Galicia, cargo do que tomou posesión o 23 de maio de 1989.

 

Desempeñou en Comisión de servizo en diversos xulgados de Galicia: Corcubión, Noia, Chantada, Lugo e outros. No ano 1997 foi nomeado Presidente da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galcia, cargo do que tomou posesión o 5 de setembro de 1997, cesando no mesmo ao ser promovido a Maxistrado do Tribunal Supremo, cargo no que se mantivo ata a súa xubilación en 2004.

 

Foille concedida a Cruz Distinguida de 2ª clase de San Raimundo de Peñafort por Orde de 22 de Janeiro de 1972, desempeñando no Xulgado de Primeira instancia e instrucción de Cambados. Realizou diversas publicacións individuais e colectivas e ten presentado numerosas ponencias en cursos e congresos.

 

Exerceu do 1990 ata o 1998 como profesor asociado de tipo 3 da área de Dereito de Traballo e de Seguridade Social da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña ata que cesou ao ser promovido a Magistrado do tribunal Supremo e foi ademais profesor titor da UNED de dereito de Traballo e Seguridade Social na Centro Asociado da Coruña do 1985 ao 1998. É académico de número e Secretario Xeral da Academia Galega de Xurisprudencia.

filloas