Versión en castellano
Inicio Novas Aiazo celebra a súa Festa da Merenda este domingo 10 de abril
Aiazo celebra a súa Festa da Merenda este domingo 10 de abril
Xoves, 07 Abril 2011 11:26

A sexta edición da Festa da Merenda de Aiazo, organizada pola Asociación de Veciños “Os Pasos”, preséntase chea de novidades. A primeira delas é a data escollida para a súa celebración: o domingo 10 de abril, de xeito que haberá festa e diversión durante todo o día, e non só pola noite/madrugada como en edicións anteriores.

 

A festa comezará sobre as 13:00 horas na área recreativa “Os Pasos”, na parroquia de Aiazo. Dende esa hora haberá unha degustación gratuita de merendas, así como unha pulpeira por se algún queda con fame ou quere xantar algo distinto. Dende entón, unha ducia de cociñeiras veciña de Aiazo elaborarán as tradicionais tortillas de masa, coñecidas na comarca de Ordes como “merendas”, e das que en 2010 chegaron a facer máis dun milleiro

 

Foliada e orquestras

 

Ademais das merendas, a música será a gran protagonista da xornada. Así, a partir das 13:30 horas comezará a Foliada da Merenda, que contará coa actuación dos seguintes grupos folk: Reviravolta (Lardeiros), Os Reiceiros (Pontecarreira), As Sobreiras do Ulla, Os Marteiros de Arca, un grupo de música tradicional de Ordes e, como anfitrións, os veciños de Sarillo (Aiazo). A foliada rematará ás 17:30 horas cun pase seguido de todos os grupos participantes.

Acto seguido, ás 18:00 horas, comezará a verbena, que contará coa participación das orquestras Ciclón e París de Noia.