Versión en castellano
Inicio Novas A Xunta licita as obras de construción da depuradora da Ponte Carreira po 1,3 millóns de euros
A Xunta licita as obras de construción da depuradora da Ponte Carreira po 1,3 millóns de euros
Venres, 20 Maio 2011 16:23

O alcalde de Frades, Miguel Prado Patiño, celebra a licitación por máis de 1,3 millóns de euros das obras de saneamento no núcleo de Ponte Carreira, anunciado hoxe pola Xunta de Galicia. Unhas obras que se acometerán a través dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Frades para dotar aos veciños dunha nova depuradora con capacidade para 600 habitantes, que incorporará unha planta de tratamento de lamas equipado cunha cámara centrífuga con capacidade para tratar todas as lamas procedentes do municipio fradense.

 

 

Esta actuación ten un prazo de execución do proxecto de 24 meses. As obras que se acometerán no referente á rede de augas residuais comprenderán a instalación de 5.250 metros de colectores, un bombeo de 1,7 kw de potencia e capacidade para tratar 3,5 l/s de augas residuais. O sistema de depuración contará cunha arqueta de desbaste de grosos, outra de desbaste de finos e un sistema de tratamento biolóxico. A cámara de tratamento de lamas contará cun equipamento de dosificación, así como un bombeo de lamas secas que permitirá a súa posterior eliminación.

 

Colaboración institucional

 

As obras referentes á rede de pluviais comprenderá a instalación dunha rede de colectores de preto de 2.000 metros de lonxitude, que verterán ao regato do Porto. Cómpre dicir que tanto esta rede como a de saneamento discorren paralelas; aínda que as residuais irán baixo a beirarrúa e as pluviais baixo a zona de aparcadoiro.

 

A Consellería de Medio Ambiente financiará a totalidade da actuación, mentres que o Concello de Frades entregará os terreos necesarios para a execución das obras libres de cargas e gravames e comprométese ao mantemento das instalacións unha vez que estean rematadas. Uns terreos de 3.312 metros cadrados adquiridos o ano pasado polo Concello de Frades na zona de O Foxo, o que supuxeo un investimento municipal de 6.000 euros.

 

A parcela onde se ubicará a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) está situada na zona de O Foxo, cerca da actual Estación de Tratamento de Augas Potables (ETAP) e a medio camiño entre o río Tambre e a pista polideportiva do IES de Pontecarreira. Unha ubicación que foi escollida tanto pola súa proximidade ao río como polas súas propias características xeográficas, pois presenta unha menor pendente que parcelas máis achegadas á ETAP.

 

O alcalde de Frades, Miguel Prado, agradeceulle tanto ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, como ao delegado provincial da Xunta, Diego Calvo, a súa colaboración na posta en marcha “dun proxecto prioritario para Frades, pois dará servizo a todos os veciños da zona”. De feito, co anuncio de hoxe cúmprese o compromiso dado por Agustín Hernández a Miguel Prado durante unha reunión mantida en outubro de 2010, no que o conselleiro lle garantizou que as obras estarían licitadas no primeiro semestre de 2011, polo que Prado Patiño reitera o seu agradecemento pola “especial sensibildade da Xunta e do conselleiro de Medio Ambiente con este proxecto, tan necesario para os veciños de Frades”.