Versión en castellano
Inicio Novas Comezan as obras da ponte sobre o río Maruzo, que dará acceso a Augas Santas e está orzamentada en 82.000 €
Comezan as obras da ponte sobre o río Maruzo, que dará acceso a Augas Santas e está orzamentada en 82.000 €
Xoves, 27 Setembro 2018 00:00

PonteAugasantasA Consellería de Medio Rural vén de iniciar as obras de construción dunha nova ponte sobre o río Maruzo, na localidade de Augas Santas, parroquia de Céltigos (Frades). Trátase dunha obra adxudicada por 82.262,73 euros a Tragsa e que está incluída no Plan de Infraestruturas Rurais 2017.


“Trátase dunha ponte con tubo de latón sobre o río Maruzo e de acceso á localidade de Augas Santas que quedara moi deteriorada polas riadas do ano pasado e para a que pedimos axudas tanto á Xunta como á Deputación”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen agradeceu a colaboración ofrecida por Medio Rural “pois sen ela non poderiamos asumir o arranxo”. O alcalde de Frades presentáralle este proxecto á conselleira Ángeles Vázquez durante a súa visita do 19 de abril de 2017 para supervisar as obras de mellora e acondicionamento doutras tres pontes danadas polas riadas en Frades, nas que Medio Rural investira preto de 120.000 euros.

 

Obras

 

O paso actual sobre o río Maruzo está resolto mediante un tubo de aceiro que presenta roturas na zona de contacto coa auga, o que fai preciso a súa substitución para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias que empregan esta estrada. As obras consisten na substitución dese tubo de drenaxe danado por outra estrutura maior que garanta a seguridade viaria e peonil: un marco prefabricado de formigón armado de 5 x 4,5 metros e cun ancho de taboleiro de 8 metros, fronte aos cinco actuais.

 

Unha vez emprazado este marco, colocaranse os muros de acompañamento de pedra de granito e reafirmarase a estrada con triplo tratamento asfáltico, así como coa colocación dunha varanda metálica. Como a actuación terá lugar nunha zona con especiais valores naturais, xa que afecta parcialmente ao LIC Río Tambre, o proxecto inclúe a rexeneración paisaxística da contorna da ponte e a plantación de especies autóctonas.

 

As obras teñen un prazo máximo de execución de tres meses, se ben se agarda que estean rematadas a finais de outubro, polo que o acceso a Augas Santas dende a parroquia de Vitre estará cortado ata o remate dos traballos. Dende o Concello de Frades lamentan as molestias que este corte poida supoñer para a veciñanza pero trátase dunha actuación moi necesaria para garantir a seguridade viaria dos veciños e veciñas.