Versión en castellano
Inicio Novas Medio Rural destina 40.000 euros ao acondicionamento do multiúsos de Frades, que acollerá unha biblioteca municipal e unha aula de informática
Medio Rural destina 40.000 euros ao acondicionamento do multiúsos de Frades, que acollerá unha biblioteca municipal e unha aula de informática
Luns, 12 Novembro 2018 00:00

MultiusosFradesO conselleiro do Medio Rural, José González, asinou esta mañá en San Caetano un convenio co alcalde do Concello de Frades, Roberto Rey, para levar a cabo un proxecto senlleiro neste municipio coruñés. En concreto, procederase a acondicionar unha parte do edificio multiúsos para que os veciños e veciñas poidan realizar múltiples actividades socioculturais.


O proxecto, que conta cunha axuda de 40.000 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), ente adscrito á Consellería, consistirá en adecuar a planta baixa do multiúsos para acoller unha biblioteca municipal e unha aula de informática. Para iso, aproveitaranse os materiais e as estruturas existentes e usaranse innovadores materiais de illamento, tanto sonoro como de calor, que farán da contorna un lugar apto para as actividades de estudo.

 

Cambios no multiúsos

 

Roberto Rey agradeceu a colaboración do conselleiro pois “o ano pasado acondicionamos a planta alta do edificio, a onde trasladaremos o Museo de Apeiros Tradicionais e de Labranza. Agora utilizaremos esta achega de Medio Rural para acondicionar a planta baixa para poñer a funcionar unha biblioteca municipal, que actualmente está en desuso nunha aula do CPI Ponte Carreira, e para habilitar unha aula de informática onde impartir cursos de formación”.

 

En decembro de 2017, o Concello de Frades investiu 59.754,52 euros no acondicionamento da planta superior do multiúsos, un espazo que se atopaba con acabados de obra, é dicir, en formigón e ladrillo. Os traballos consistiron na instalación dun falso teito de escaiola lisa continua nos 215 m2 da sala, onde se colocou un solado de baldosa de gres esmaltado. Ademais, puxéronse tanto a instalación eléctrica como oito radiadores eléctricos. Tras o recebo e lucido de xeso das paredes, pintouse en branco.

 

As obras asinadas hoxe non afectarán ao desenvolvemento das actividades socioculturais do multiúsos de Frades, pois terán lugar nunha ala diferente do inmoble. Sobre o traslado da sala etnográfica con apeiros do campo, Rey Martínez explica que “é unha simple cuestión de operatividade, xa que así evitamos que os nenos e nenas teñan que subir polas escaleiras e tamén polo feito de que na planta baixa xa contamos con baños”.

 

Proxectos senlleiros

 

O conselleiro salientou a importancia destes proxectos senlleiros no rural galego, pois permiten defender e promover os valores culturais de Galicia, actuando no fomento e a promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do patrimonio cultural. Neste caso concreto, a rehabilitación integral dun edificio único na contorna e que achegará ao territorio unha oferta inexistente ata o momento, fixo que fora un dos 16 proxectos a levar a cabo este ano en Galicia.

 

A liña de apoio ao desenvolvemento rural que se centra no impulso a proxectos senlleiros conta para este ano 2018 cun orzamento dun millón de euros, co obxectivo de realizar 16 iniciativas en diferentes puntos de Galicia. Algúns dos proxectos financiados este ano son o acondicionamento do local social de Poulo (Ordes), a rehabilitación dun “pendello” nun mercado tradicional (Agolada) ou a mellora do centro hípico do mercado de gando de Guimarei (A Estrada), entre outros.

 

Doutra banda, o pasado ano executáronse un total de 14 proxectos senlleiros por un orzamento de case 900.000 euros. Entre eles salientan o acondicionamento do antigo matadoiro para secado de xamóns na Cañiza ou a adquisición de material bibliográfico da curta cinematográfica Mouras, en Folgoso do Courel. No eido do patrimonio tamén se traballou na recuperación dun muíño do século XIX no Bolo ou na humanización da igrexa de Torres en Vilarmaior.