Versión en castellano
Inicio Novas Unha vintena de veciños e veciñas de Frades infórmanse sobre os riscos nas redes sociais, compras en Internet e xogos en liña
Unha vintena de veciños e veciñas de Frades infórmanse sobre os riscos nas redes sociais, compras en Internet e xogos en liña
Martes, 20 Novembro 2018 14:13

CharlaConsumoRedeUn total de 23 veciños e veciñas de Frades participaron na charla “Consumo na rede: hábitos, actitudes e comportamentos”, organizada polo Concello de Frades e a Escola Galega de Consumo. Unha charla de acceso gratuíto e na que, durante unha hora, formadores do Programa Cores, educación para o consumo responsable fixeron unha aproximación aos problemas do consumo na rede, achegando consellos e recomendacións fronte aos riscos que poden presentarse nas redes sociais, nas compras na Internet, nas descargas de APP e nos xogos e apostas en liña.


O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Carlos Portos, foi o encargado de introducir ás persoas relatoras e agradecerlles a súa colaboración para “axudar a incrementar a seguridade dos nosos veciños e veciñas á hora de navegar pola rede”. Uns consellos que comezaron coa recomendación da instalación dun antivirus en todos os dispositivos (móbil, tableta, ordenador...) e o uso de contrasinais seguros (que deben levar cando menos unha maiúscula, unha minúscula, un número e un carácter especial -#, @,€, *- para dificultar o seu pirateo). Ademais insistiron no emprego de métodos de pago seguro (PayPal, tarxetas moedeiro), e evitar en todo momento o envío de documentación persoal (nin fotocopias de documentos) e as transferencias.