Versión en castellano
Inicio Novas Unha trintena de rapaces participaron na VI edición do Campionato Municipal de Pesca do Concello de Frades
Unha trintena de rapaces participaron na VI edición do Campionato Municipal de Pesca do Concello de Frades
Sábado, 04 Xullo 2009 00:00
O alcalde Miguel Prado e o delegado provincial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, compartiron unha xornada de pesca cos pais e avós dos cativos.

 

Pescadores

Unha trintena de rapaces, de entre 4 e 15 anos de idade, participaron esta mañá na sexta edición do campionato municipal de pesca do Concello de Frades, celebrado no río Maruzo ao seu paso pola parroquia de Céltigos. Unha xornada que estivo presidida polo alcalde fradense, Miguel Prado, e polo delegado provincial da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

Na noite de onte, o Concello de Frades liberou unhas duascentas troitas nun pequeno treito do río Maruzo, das que deron boa conta os pequenos ao longo de tres horas de xornada de pesca. Todos os pequenos que participaron na xornada pescaron, cando menos, unha troita e houbo quen levou para a casa máis de media ducia. De feito, tres dos pequenos sorprenderon aos presentes capturando exemplares de río, moito máis difíciles de pescar ca os de piscifactoría.

Medallas para todos os participantes

A xornada de pesca no río Maruzo comezou ás 10:30 horas con 18 pequenos. O feito de ser os máis madrugadores viuse recompensado, xa que durante a primeira media hora foi cando se capturou o maior número de exemplares. Os pequenos estiveron acompañados en todo momento por numerosos pais, e sobre todo avós, que se achegaron a comprobar os progresos destes futuros pescadores.

Tanto Miguel Prado coma Diego Calvo colaboraron activamente na xornada de pesca, especialmente quitando o anzol das troitas capturadas e volvendo a colocarlle a correspondente miñoca (algo fundamental no caso dos pescadores máis cativos). Unha colaboración que tamén ofreceron os máis de trinta veciños que asistiron a este divertido campionato.

Finalmente, Miguel Prado e Diego Calvo fixeron entrega dunhas medallas conmemorativas desta sexta edición do campionato municipal de pesca do Concello de Frades a todos os participantes, cuxo menú de hoxe será con toda seguridade as troitas que apañaron.

O primeiro O máis pequeno